...Velaquí unha terra poboada de marabillosa fauna e exuberante flora, onde os grandes ríos falan coa súa voz de auga e cantan ao unísono coas aves prismacolor; velaquí a terra da xente inxenua e inocente, fermoso lugar onde se xuntan a vida e a morte a cada segundo. Alí a fatalidade habita dun xeito consuetudinario e, sen facer saltos no tempos, amosa a súa faciana con acenos macabros que queren semellar un sorriso.
Seica a traxedia xunta de tanta beleza é a que fai tremer a consciencia do home que chega coa ferida da súa terra aberta, e lonxe de pechar os seus sentidos, ábrese coa avidez de quen non quere ver enxoita a fonte da súa esencia, dando comezo así á longa reflexión que é Colombia para el. O pasado e o presente dun pobo irmá noutra latitude, outras coordenadas xeográficas para a mesma dor universal, a voz nativa silenciada, a inocencia violentada. Un lóstrego avisou do cataclismo pero ninguén viu os sinais, séculos despois alguén aloumiña a cicatriz con afán de reparar o dano, a súa alma inconmensurable quere amosar que é posible.
Na liña do horizonte: o ámbito do Cauca; a mítica nave para facer a viaxe é o viaxeiro mesmo, agasallado co don da palabra feita poesía, sabe que non hai mellor remedio para os males ancestrais que soprar o vento, para que levante o neboeiro do tempo mentres escríbense curas de amor...
(o home é o poeta de Taramancos).
:-) qué feliz me fixeches hoxe, gracias por compartir a túa escritura, enche a alma, aloumiña o corazón.
ResponderEliminar